Archive for Abril, 2007

Son de estrelas xa é o segundo espazo máis visto os sábados

A audiencia, do 15%, mantense fiel ao concurso desde a súa estrea
A última gala foi seguida por 150.000 espectadores, só superada polo cine en Antena 3

Son de estrelas, o concurso musical que protagoniza o horario estelar dos sábados de Televisión de Galicia, supera o primeiro terzo da súa fase final e consolídase entre os espectadores galegos. Esta semana cativou a atención de 150.000 persoas, o 18,5% da audiencia. Con estes resultados, o programa de Voz Audiovisual sitúa na súa franxa de competencia a TVG no segundo posto do ranking en número de espectadores, só por detrás de Cinematrix.

O colector de cine de Antena 3, que emitiu Un papá xenial, conseguiu sentar fronte ao televisor a unha media de 163.000 persoas (20,4% de cota). Con todo, un dos programas estrela de Telecinco, o espazo de corazón Sábado dolce vita, gran competidor das grellas, tivo que conformase cunha media de 133.000 seguidores.

Son de estrelas convértese nunha das apostas máis fortes da tempada, superando en moitos momentos a audiencia das cadeas xeneralistas. Esta semana fíxose co liderado da noite en varias franxas, chegando a alcanzar un 22,7% de cota. Desde o 24 de febreiro acumula un 15% de share e unha media de 124.000 espectadores por gala.

Os máis votados

O 17 de marzo arrincou a rolda final do programa que enfronta aos 12 aspirantes clasificados nunha liguiña de duetos. Agora, este formato televisivo autóctono comeza a mostrar quen son os favoritos do público e do xurado. A gala deste sábado acabou outorgando o liderado a Caldas, con Ferrol en segunda posición, deixando o terceiro posto compartido entre Betanzos, Verín, A Limia, Xallas e Noia. Os concursantes van gañando puntos con cada unha das súas interpretacións, pero só un logrará facerse co premio final: un coche, unha viaxe e a gravación dun disco. O que máis apoios consiga será proclamado gañador.

Fonte: La voz de Galicia