Tres ourensáns están entre os doce finalistas de Son de estrelas
O concurso televisivo Son de estrelas chega ás súas xornadas decisivas. Atrás quedaron 42 concursantes provenientes de toda Galicia. Doce continúan no concurso e tres deles pertencen á provincia de Ourense. Trátase de Marcos Blanco da Limia; Elena Pérez, de Terra de Caldelas; e Ana Belén Monís da comarca de Verín. A partir desta noite e durante dous meses (todos os sábados na Televisión de Galicia) os finalistas veranse as caras sen que ningún deles sexa eliminado. Competirán todos contra todos por medio de duetos. Ao finalizar o xurado puntuará a cada dueto: o que gaña ten 3 puntos e cero o que perde. Se empatan suman un punto. O público desde casa tamén ten a oportunidade de puntuar. O que sexa elixido cada semana sumará tres puntos, o segundo dous puntos e o terceiro favorito un punto. A persoa que máis puntos some ao longo dos dous meses será a gañadora do concurso.
Os tres participantes ourensáns móstranse optimistas de face ao que dará de si o concurso nos próximos meses e só esperan ter sorte coas cancións e contar coa calor do público.
Fonte: A voz de Galicia