«Voz de tarde» inclúe no seu repertorio «Son de estrelas»
Desde onte, os seguidores de Son de estrelas teñen unha nova oportunidade para escoitar aos seus concursantes favoritos. Voz de tarde, o programa estrela das tardes de Radio Voz (de 16 a 20 horas) conta no seu repertorio con novos temas e intérpretes. Todos os duetos do concurso musical que emite TVG cada sábado en horario estelar poderán ser solicitados polos oíntes da emisora.
O espazo, conducido por Esther López e elixido por moitas persoas para escoitar as súas cancións preferidas, pon a disposición do seu público as interpretacións dos participantes de Son de estrelas; dos que seguen na competición e dos que xa foron eliminados. «é unha forma de promocionar ao representante da súa comarca. Se alguén non puido ver a interpretación do sábado, pedindo a súa canción a través da radio pode difundir a actuación do seu candidato e conseguir que acaben votando por el», explica López.
Son de estrelas, producido por Voz Audiovisual, entrou na segunda etapa do concurso e os 12 finalistas acompañarán durante moitas semanas aos espectadores de TVG. «é posible que acaben triunfando as cancións de Son de estrelas», engade a presentadora.
Fonte: A voz