Son de estrelas entra esta noite na segunda fase cos seus doce finalistas
entra esta noite na súa segunda fase coa primeira intervención conxunta dos doce participantes que lograron clasificarse despois de medirse cos 54 aspirantes iniciais da primeira rolda.
O programa de Televisión de Galicia, que está presentado por Teté Delgado e producido por Voz Audiovisual, abre hoxe unha segunda rolda que chega cargada de novidades para os espectadores e os concursantes.
Cada gala contará cun invitado sorpresa que convivirá unhas horas cos concursantes. Nas primeiras galas, os nomes famosos que acompañaron aos aspirantes foron María do Monte, David Bustamante e Natalia.
Ademais, cada noite un dos cantantes de Son de estrelas será sorprendido polo equipo do programa con algunha visita ou algún feito inesperado. Xunto coa posibilidade de triunfar no mundo da música, esta é tamén unha das razóns polas que, nesta nova etapa, os concursantes poden contar con ver como moitos dos seus soños fanse realidade.
Dos doce concursantes clasificados, só un logrará facerse co premio final, que consistirá nun coche, unha viaxe e a gravación dun disco.
Para determinar quen deles será o afortunado, a partir de hoxe terán que medirse entre si en diferentes actuacións que serán cualificadas polo xurado, composto por catro profesionais de primeira fila, como son Nonito Pereira, Anxos Ferradáns, Pili Pampín e Iria Pinheiro.
A competición desenvolverase ao estilo da liga de fútbol. Igual que fixeran ata agora nas galas eliminatorias, os cantantes seguirán actuando por duetos, pero a valoración por parte dos xuíces sufrirá algunhas variacións. Coma se dunha liga de fútbol tratásese, en cada dueto poderá haber un vencedor e un perdedor ou un empate. Os puntos outorgaranse igual que nesta coñecida clasificación deportiva, valorando de forma distinta os duetos gañados, os perdidos e os empatados. Con este criterio, cada concursante irá sumando puntos, ao longo das galas do concurso. O que máis puntos anote será finalmente proclamado como gañador do programa.
Os clasificados para a segunda rolda deste concurso musical, novo no panorama televisivo español, son os representantes da Limia, Muros, Caldas, A Terra Chá, Xallas, A Coruña, Verín, Noia, Terra de Caldelas, Ferrol, Betanzos e Pontevedra.
Todos eles chegaron a esta fase despois de medirse cos representantes do resto das comarcas de Galicia.
O espazo seguirá contando co seu orixinal formato de docusoap , que xorde da unión entre o documental e a serie televisiva. Grazas a esta concepción, o programa permite a amigos, veciños e familiares dos concursantes participar no programa por medio de documentais que son parte fundamental da emisión.
A gala de repesca de Son de estrelas obtivo o pasado mércores unha cota de pantalla de 17,4% e preto de 150.000 espectadores.
Fonte: A voz de Galicia